Presentación

Loading...

13 de enero de 2012

Ruta dos Tres Ríos

O noso compañeiro Antom Labranha nos achega unha crónica da ruta polos tres ríos que o CD Fontiñas organizou o pasado 4 de decembro. Agradecer a Antom as fermosas imaxes da andaina e o gran texto que as acompaña e, por suposto, grazas polas agarimos e fermosas palabras adicadas á familia do Fontiñas
Esperamos que disfrutedes coa súa crónica!
----------------------------------------------------------------------

A RUTA DOS TRES RÍOS: Tambre, Gatofero e Sarela
CLUB DEPORTIVO FONTIÑAS (4 de decembro do 2011)


O percorrido transcorre polas parroquias compostelás de Vista Alegre, A Peregrina, A Grixoa e Fecha, iniciándose nesta última - máis afastada- para, pasesiño, regresarmos cara a urbe santiaguesa.


(Mapa tirado da web do Concello)


 
Nun punto coñecido como O Cargadoiro, ao pouco de tomar a pista que leva desde o lugar da Ponte Alvar á aldea do Cemitério, deixounos o bus para comezarmos a andaina.

Por un carreiro empinado metímonos ao monte, dirixíndonos a Fecha.
Mergullados nun outono ancentral, tan de seu nesta terra non deixa deitar fóra a melancolía, camiñamos baixo da chuvia constante - insistente-, por máis das veces miudiña, entre pólas de rebentos de carballo e castiñeiro.

O entorno da igrexa de San Xoán de Fecha é unha fermosa mostra de arquitectura relixiosa rural. De inspiración barroca, destaca nel a sineira de dúas campás. Diante temos o cruceiro, e cara atrás os antigos enterramentos no propio chan do adro.
Continuamos bordeando o alto do Candeado ata enencontrar un punto de retorno para, paseniño, írmonos abeirando a un Tambre de augas cincentas e espelladas que discorría maxestoso polo val. Seguíndoo, un pouco máis arriba. Seguíndoo, un pouco máis arriba encontramos o encoro de Fecha, onde Gas Natural Fenosa mantén en uso unha pequena central hidroeléctrica.

Logo de chegarmos á ponte Alvar, deixamos o Tambre -lendario Támara das tribos eburonas outrora asentadas en ambas as dúas marxes da ría de Noia (Baroña e Broña, infra e supratamaricos, respectivamente)-

Camiñamos cara a Grixoa, onde xantamos ao cuberto, no local sociocultural da parroquia , sito no lugar da Igrexa. Mellor sería dicir que fixemos un lanxe -lunch-, pois o vocábulo "xantar" ten evocacións gastronómicas que non se corresponden ao caso. Con todo, quede constancia, mesmo sexa por cortesía, da boa atención que tiveron con nós, na altura cansos e humedecidos camiñantes.


Despois de bocata e lambiscadas varias que, ao cabo, restauraron o noso vigor, retomamos a marcha acompasados polas brancas e urxentes augas bulideiras do Gatofero (1), que batían seus sons ao ritmo da nosa andaina, agora máis animosa.
Un manto de fieitos amolecía as nosas pisadas, e grilandas de liques orlaban as polas núas dos ameneiros. Xigantesco cogomelos como nunca tal vira -suculentos boletos edulis algúns deles-, axudaban tamén a recrear a natureza enxebre que nos abranguía.

Non faltou o "príncipe azul", transfigurado en ra, que algunha ou algún -que iso tanto fai- dos camiñantes quixo desencantar a base de glamurosos beixos. Mas non foi nesta que se produciu o milagre senón naqueloutra da vaca moura.
O que vos conto! Que uns poucos de nós quedamos cercados por un rabaño vacún. Que esaxero?: media ducia de vacas, ben eran. O "pastor eléctrico" marcaba o linde; alén del todo era territorio prohibido. Mágoa térseme descargado a batería do móbil que tiña cadro para unha foto de época.
Había que saltar por riba dos arames. Unha res atoleirada cortábanos o paso. Con grande risco persoal, alguén se enfrontou a ela mentres nos apresuraba a darmos o salto liberador. Co nerviosismo enguedelleime nos fíos electrificados. Cambra polos pés, polas mans, polas coxas... volta para acó, novas descargas, reviravolta para aló... Ao fin a salvo! E de súpeto, un asubío do móbil: "Batería cargada. Aforre enerxía, desligue o cargador".

Apenas os restos dos muíños e algún valado de pedra xa escangallado, testemuñaban o paso dunha civilización ecoloxicamente sustentable. Apoucada, a luz do día tendíase sobre nós coma un manto tépedo que ficou impertubable a través das horas da mañá e da tarde


Despois dun treito polo ineludible asfalto, chegou un receso - para o café- que anunciaba a proximidade do leito do Sarela (ese pequeno Sar cara o que flúe, xa na conca do Ulla).
Vagarosas e acougantes as súas augas, descendían por veces turbias, por veces tan límpidas e transparentes que deixaban agromar o verdor agreste das plantas lacustres que ateigaban o seu fondo.

Recreámonos na ponte medieval dos Tres Ollos, nas pontellas -de pedra ou madeira- , nos lavadoiros, na fonte, no muíño, na curtideiría de coiro...
E así, despois de vinte e tres quilómetros, chegamos tras das piscinas de Santa Sabela. Quedaba aínda o camiño a pé ata a casa. Outros seguiron polo roteiro até o Campus
Fica só despedirme: obrigado ás persoas que manteñen día a día o Club Fontiñas e a todas e todos os que partillaron conmigo esta xeira, nomeadamente aos guías Mariano e Javier que prepararon e dirixiron a camiñada, e a Asun polo seu revelador comentario acerca da monotonía da luz.


Santiago de Compostela a 11 de decembro do 2011
Antom Labranha (labranha@edu.xunta.es)




[i] Tam e Sar, son hidrónimos de procedencia arcaica, que se repiten, en xeral como raíz do nome dun río,pola xeografía universal.
A respecto de “Gatofero”, unha hipótese simple que se me ocorre é formalo coa composición de gato + fero e idear que alí tíñase visto aniñar un gato montés (gato bravo). Vou colocar unha outra hipótese menos evidente: é reducible, por deriva fonética, a “catafeiro”: pródigo en cataratas, da raíz “cata-“:caída con precipitación.
Se alguén souber calquera cousa, agradecía.

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada